Sábado 2

Espertei e xa non había Extrarradio.

Era hora

Máis de dous anos despois… queda completo o arquivo de Noticias Extrarradio.

Ah, si, levo uns días desconectado.

Radio María

Temos nova emisora pirata no Son: Radio María. A pesar do que indica a foto, non é unha radio especializada en música reggae e liña editorial a prol da legalización do cannabis. Xa hai un tempo comezara a funcionar ao outro lado do Barbanza coa pretensión de chegar até Compostela, pero parece que non funcionara a cousa. Agora, está aquí, como se pode comprobar na listaxe de frecuencias.
María

Existe 2

A Polo Ghit! 2007

A que mola a nova camisola laranxa de A Polo Ghit 07?

O PTN definitivo

Publicouse hoxe no BOE, e non se diferencia demasiado do que se adiantou aquí hai menos de dous meses.

PTN definitivo

Todo o mundo quere unha 3

A que mola esta camisola?

Camisola de Apologhit

O furor pola camisola de Apologhit estase a estender entre os blogomilleiros e chuceiros. Que hai que facer para conseguila? Chamar as fins de semana ao programa Extrarradio da Radio Galega e votar por un dos temas candidatos.

Así foi a Extrafesta 4

Cartel da festa de Extrarradio

Onte -ou, máis ben, antonte- celebrouse no Playa Club d’A Coruña a primeira festa do programa Extrarradio, da Radio Galega, que contou coas actuacións estelares dos grupos Loretta Martin e The Majestics. Previamente, os condutores do espazo, Belén Regueira e Eduardo Herrero, fixéronnos subir ao escenario a todos os membros do equipo e colaboradores, agás a produtora, Susana Casal, que preferiu permanecer no anonimato, e Xabier Cid, que non puido estar presente no acto.

As intrépidas becarias Merce Rey -que se despediu do programa, aínda que espero vela/lela/escoitala pronto- e Noa García foron as primeiras en aparecer, ademais do técnico -e tamén lorettomartin- Xavier Facal que, por certo, tiña que traballar a mañá seguinte.

Despois fomos subindo, non necesariamente nesta orde, Vincent Ghalo -con quen, teoricamente, debería coincidir os domingos, aínda que el marcha antes de que eu chegue-, María Yáñez -eu era o único dos colaboradores que non coñecía persoalmente-, Filipa Fava -dende alén do Miño; por desgraza non puiden falar con ela, pero mándolle un saúdo de todos os xeitos-, Martin Pawley -xa falaremos despois da cefalea que probablemente lle causei despois- e, á parte dun servidor, o padre Meixide, que se achegou ao micro para saudar a todos os concellos de Galicia, por orde alfabética. Pero Eduardo non lle deixou chegar á letra D, e interrumpiuno cun lapidario «Zas». Non sei se lle gustou moito que no meu fotolog saia unha imaxe da súa actuación en Pepe o inglés.

Aínda que non actuaron, como si o fixeron Loretta Martin e The Majestics, nesta orde e diante dun público entregado, tamén estiveron presentes Fanny+Alexander, Projecto Mourente -quen, lamentablemente, non interpretou o seu ghit ‘Como os caranguejos’-, e parte do grupo The Highlights. Non sei se había algún músico máis -supoño que si, e moito cantante tamén.

Tampouco perdeu a cita o director de Programas da Radio Galega, o diplomático Xurxo Souto, que foi á festa coa súa muller.

Como se ve, practicamente toda Coruña estivo alí, bu neno!.

Mesmo comprobei sorprendido que existen fans entregados do programa Extrarradio. Ao comezo sentinme un pouco intimidado polo feito de que un descoñecido se me achegara para saudarme e asegurarme que era moito máis novo do que pensaba e se interesara por como fago a sección, canto tempo me leva, etcétera. Un par de horas máis tarde tamén lle asinei un autógrafo, como todos os demais colaboradores do programa. Así que, a fin de contas, non era un interese persoal senón polo programa en xeral. Oxalá haxa moitos máis fans de Extrarradio, porque iso supón que a audiencia está asegurada.

Despois das actuacións en directo, fomos convidados -ou recluídos, segundo se mire- á Zona Nordic, onde Vincent Ghalo nos obsequiou cos seus machucos, que todo o mundo bailou animadamente.

Nesa mesma zona escandinava atopeime co cinéfilo por excelencia Martin Pawley, ao que moito me temo que lle acabei causando dor de cabeza cunha case interminable conversa sobre blogs -parabéns polo seu premio, naturalmente-, pseudónimos -neste mesmo post aparecen varios nomes que se corresponden cun só corpo e alma, e que viña a conta de que esa mañá Belén desvelou, inadvertidamente, o “outro” nome de Martin, moi de premios da Academia, aínda que el mesmo se encargou de recalcalo lembrándollo-. Tamén falamos de cine e do difícil que asistir a estreas vivindo a ducias de quilómetros da sala máis próxima -a solución chámase eMule-, contoume a súa próxima visita ao festival de Donostia, acabei falando do que falo con todo o mundo -de Lost- e confirmoume que este verán haberá xantanza, á que espero non faltar. E unha pregunta: onde está Paleón?

A todo isto, creo que cando saín do Playa xa non quedaba alí ningunha persoa relacionada directa ou indirectamente con Extrarradio. E o que veu despois non teño por que contalo, porque xa se sae da pretensión desta crónica.

Ambiente da Extrafesta

Unha imaxe, moi pouco descritiva, da festa. Pero Regueifeiro ten un vídeo da actuación dos Loretta Martin.

Extrafesta

Esta noite no Playa Club d’A Coruña.

Alí estaremos.

Punto Radio Cee 2

Punto Radio

Dende hoxe, pódese escoitar a programación de Punto Radio en Cee -e zonas limítrofes e non limítrofes- na frecuencia que anteriormente empregaba Radio Líder, 105 Mhz na FM. Como inauguración das súas emisións locais, escenificaron unha especie de mesa redonda sobre a inmigración, aínda que os contertulios tiñan todos unhas opinións semellantes ás deste medio, por dicir algo. A voz da moderadora sooume, porque creo que ata hai pouco traballaba en Radio Nordés, da SER, tamén de Cee. Sorte e a ver se lle dan unha frecuencia no vindeiro PTN, como a tantas outras emisoras.

Si. Xa sei que Radio Líder e Punto Radio Galicia son o mesmo.

Noticias Extrarradio 3

Dende hoxe podedes consultar as incribles novas que vos conto cada semana -os domingos pouco despois das once e media da mañá- no programa Extrarradio da Radio Galega. Creei unha sinxela páxina co Drupal ad-hoc á que se pode acceder en
http://extrarradio.modestoweb.org/
ou ben en
http://modestoweb.org/extrarradio/